A nosa historia

O Grupo Scout Ronsel nace no ano 1999, cando un grupo de mozos cunha traxectoria scout anterior deciden formar un grupo scout no entorno da cidade da Coruña. Para isto, comezan a establecer contacto con posibles entidades patrocinadoras que puidesen darlles apoio, acudindo nun primeiro lugar á Parroquia de Santa Eulalia de Liáns, no Concello de Oleiros, sendo alí onde se produce o engado entre  sitio e as persoas que os recibiron… polo que o labor de pescuda queda, deste xeito, finalizado.

Tras a presentación do proxecto a outros mozos vinculados coa parroquia, deciden poñerse en marcha, e así, tras configurar un kraal (equipo de responsables) de partida, o Grupo Scout Ronsel solicita a entrada na Asociación Diocesana de Escutismo de Santiago de Compostela, membro de Scouts de Galicia-Escutismo Católico Galego.

Dez anos despois da formación, unha serie de circunstancias obrigan ó Grupo Scout Ronsel a trasladarse de Santa Cruz de Oleiros á vila de Sada, un lugar que garda estreitas semellanzas e vínculos co pobo que viu nacer e crecer ó grupo. Deste xeito, o Grupo Scout Ronsel continúa a súa andaina nun novo espazo pero coas mesmas ilusións, ganas e proxectos, afondando no seu carácter de grupo mariñeiro comprometido co entorno no que está asentado.

A actualidade sitúa ó Grupo Scout Ronsel fronte a un grupo scout pequeno en número de membros, pero con grandes aspiracións e ilusións de futuro e cun Proxecto Pedagóxico, onde se prioriza o arraigo no entorno próximo así como o crecemento e progreso dos educadores e dos educandos.

A simboloxía é un aspecto fundamental dentro do escutismo, e un dos símbolos máis importantes é a pañola ou pano como signo externo da Promesa, do compromiso coa lei Scout. Normalmente, a pañola leva un deseño e cores propios de cada grupo, constituíndo xunto co escudo ou insignia do grupo os seus principais elementos de identificación externa.

No caso do Grupo Scout Ronsel, a pañola tamén aparece no seu escudo. A súa explicación simbólica vai estar fortemente vencellada ó mar, con toda a súa forza de significación e analoxía que remite á historia e tradición mariñeira dos Portos de Santa Cruz e de Sada. Pero tamén remite á pegada, a marca que deixamos co noso compromiso no noso país.

ESCUDO: A forma semellante á heráldica fai referencia ó castelo de Santa Cruz, edificio sobranceiro da vila onde naceu o Grupo Scout Ronsel. O que se atopa dentro da pañola do grupo é a bandeira galega axeitada para que a súa banda semelle un ronsel que leva unha flor de lis no medio, símbolo scout mundial, en cor vermella para simbolizar o compromiso, a paixón, o traballo.

PAÑOLA: Con fondo azul escuro e banda azul clara, simboliza o mar na súa dualidade continua: calmo e bravo, de dentro (ría) e de fóra (mar), dador de vida e de morte… Tamén alude ó curricán, a gran corrente do atlántico que pasa por diante das nosas costas.