Unhas fermosas palabras de aniversario

Xa nolo dixo a Responsable de Grupo de Ronsel na festa do XV Aniversario: se este grupo scout está onde está e é o que é, debémolo en gran parte ó seu responsable e cofundador, Chema. Estas foron as bonitas palabras que el leu nesta celebración, e non queremos deixar de compartilas con todos porque pensamos que pagan a pena dende a primeira letra ata a última. Así falou unha das persoas máis emblemáticas de Ronsel:

IMG_0034“Ronsel un día, Ronsel sempre. Como chegamos a esta frase? Miremos cara a atrás, entremos na máquina do tempo, no túnel escuro que nos conduce ao pasado, da realidade diaria ao onte; hai 15 anos, soamente 15, canto maior é un menos importancia da ás cifras dos anos…

Un grupo de scouts, non todos en activo, pero scouts (xa oímos moitas veces aquela frase de “unha vez scout, scout sempre”), eramos tamén un grupo de amigos que xa compartíramos outras experiencias pasadas e decidimos fundar ou crear un novo grupo scout. Tiñamos claro varias cousas: a asociación onde queriamos estar e o modelo de grupo que nos gustaría, de barrio ou de pobo, inmerso na súa realidade, pequeno, transformador e familiar. Queriamos sobre todo axudar a ser trasformadores da realidade, axudar a que novas xeracións crean que se poden cambiar as cousas, a educar tendo como marco a promesa, a lei scout e o evanxeo de Xesús de Nazaret.

IMG_0037Se miramos cara a atrás xa vemos froitos dese modelo. Algúns estades hoxe aquí, e ao berro de SCOUTS respondestes como cando erades nenos, SEMPRE LISTOS, porque sodes scouts, nunca deixastes de selo, e seguramente a vosa vida quedou marcada por aquel campamento onde realizastes a vosa primeira promesa scout.

Son anos de ledicias: marchas, acampadas, San Xurxos, lumeiradas de San Xoan, Magostos, festas de Entroido, campamentos, camiños de Santiago, encontros con outros scouts, gymkanas, enterros da sardiña, pontes mono, tirolinas, cabalos… e tamén colaboracións con Caritas, coa Cociña Económica, co Club de Leóns, con Geriatros… Pásansenos moitos bos momentos recordando estas actividades, pero tamén houbo outros de choros: os pasos de unidade, rematar a etapa rota, ter que deixar o grupo por traballo, estudos ou cambio de residencia… o máis triste seguramente foi deixar o noso primeiro lugar de localización, Santa Cruz, paliado por conseguir establecernos e empezar a botar raíces en Sada…. Son tantas cousas!

IMG_3009Como scout que escribe estas liñas, e coa sorte de ter compartido estes anos con todos, voume permitir describir o grupo que temos hoxe en día e a transformación que tivemos nestes 15 anos. Hoxe temos unha base digna, material como para o dobre de efectivos, a tan manida furgoneta…

Pero o importante é que sempre tivemos un bo kraal de responsables que destinan gran parte do seu tempo libre ao noso grupo, familias que confiastes e seguides confiando a educación dos vosos fillos no tempo libre, e nenos, nenas e mozos dispostos a ser corresponsables da súa propia educación, dispostos a xogar no seu tempo libre, aprender para transformar…

IMG-20140614-WA0006Podería alongarme máis, pero non quero rematar sen tamén pedir perdón onde me equivocase ou nos equivocásemos os responsables, e crede que se así foi, non fomos conscientes. E tamén dar as grazas a todos polo voso tempo e confianza. Non sei se o destino nos levará a ver outros 15 anos máis, ogallá, pero estes primeiros marcáronnos a moitos as nosas vidas, e seguramente cando alguén diga para ben “ese home ou muller é diferente aos demais” poidamos dicir “e que EU SON SCOUT”.

Non podemos rematar sen recordar a BP e aquela frase do seu testamento espiritual: “sede sempre fieis á vosa promesa scout, aínda cando teñades deixado de ser rapaces”. Recordade: SCOUTS, SEMPRE LISTOS!”

Chema, fundador e responsable do Grupo Scout Ronsel

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s